miércoles, 13 de julio de 2011

O Raposo

Percorría eu hoxe os camiños consentidos e coñecidos onde de xeito irregular paseo monte arriba, e tralo cumio do Couto do Rei volteando cal ruadas entre montes pechados ás veces de árbores frondosos e profundos e outras de espazos abertos das aldeas ou terras de labor, ou sinxelamente cheos desa maleza das nosas vidas de fentos e toxos mesturados con xestas e centos de herbas e outras outras especies de flora. Albisquei de lonxe, entre a espesura da maleza, un brillo, se cadra azulado, ou moi gris e metálico, e empeñeime en que un raposo movíase o seu derredor.

Froito da miña curiosidade achegueime por entre a chaira silvestre ata o lugar no que cinguía o reflexo, sen atopar outra cousa que unha lata que a bo seguro un latoso cidadán tivera lanzado ó baleiro dende o camiño para quedarse alí quieta, á espera de que un ser calquera retocase a súa postura ou podrecer para sempre. ¿Estaría de certo o raposo denantes, coma eu sospeitara. Se cadra si, eu vira coma un rego na vexetación movéndose no sentido contrario dó que eu camiñaba. Nin un indico de dúbida me quedou cando vin a lata: Red Bull. O raposo era moi listo e de seguro que sabía ler; marcharía moi satisfeito contando que ó fin mañá tería ás.

miércoles, 8 de junio de 2011

Perdón

O que perdoa, é que ten algo apuntado para cobrar; o que pide perdón quere facer desaparecer, a cambio de un pago, a pegada de algo que fixo sabendo que facía mal, ou cando menos que recoñece que fixo mal.

Eu penso que o perdón é unha argucia. Tan so pode existir, coma existe na nosa sociedade, froito de moitos séculos de repetir unha falacia, na procura do aliñamento da xente en función do máis alá, para que renuncien ao próximo. A realidade pretérita tan só cabe coñecela, e a partires dela facer autocrítica. Ninguén pode borrar o pasado, antes ben, hai que ser honrado co mesmo. Se alguén na súa autocrítica encontra un dano feito a outra persoa debe manifestarlle dunha maneira inequívoca o recoñecemento da súa falta, repoñer na medida do posible o dano feito e comprometerse en función da autocrítica e do aprendizaxe da lección do suceso para que nunca máis volva a acontecer.

O perdoar, é dicir, quedar coa sensación de que non pasou nada despois de confesalo, é un furto e un abuso para o damnificado. Se hai intermediarios, ou sexa alguén que perdoa no nome de outro, é unha artimaña artificiosa. Se por obter o perdón pensamos que a persoa é a mesma de antes, estamos aliñados á unhas crenzas que non teñen en conta a razón.

Este preámbulo non ten outro obxecto que facer entender porque á hora de elixir o seu voto moitas persoas non teñen en conta a corrupción dos que van nas listas. Tamén da explicación o por que aplauden aos seus delincuentes (que supoñen perdoados), namentres condenan aos contrarios que cometen o mesmo delito.

viernes, 6 de mayo de 2011

Grupo irregular

Inventemos o futuro. Aos mozos e mozas e sobre todo aos que son virxes en votacións pídolles que voten, aínda que para elixir fagan un gran esforzo; non votar, ou un voto en branco só axuda aos culpables. Inventemos: Teño un proxecto para facer un grupo que se poida presentar ás eleccións e conseguir os suficientes votos como para dobregar aos poderosos ricos que mandan e aos políticos actuais que lles obedecen, deste xeito poderemos traer á nosa sociedade a democracia verdadeira, é dicir que mande o pobo cos seus votos. Presentareino na miña páxina, o día 23. De momento voulle a chamar Grupo irregular (Gi). Unha vez que expoña o meu invento a través de asembleas que xurdan en calquera lugar e a través da Rede, iremos pulindo o proxecto ata chegar ao final, sabendo que non teño ningún inconveniente en que sexa totalmente diferente ao que eu propoñía no principio, o fin é que estea apoiado por todos, salvo claro, esa minoría culpable.

jueves, 21 de abril de 2011

Cregos que amolan

Hoxe lin no Xornal de Galicia unha opinión que non me resistin a comentar
http://www.xornal.com/opinions/2011/04/21/Opinion/ateos-pelmazos/2011042116490700947.html

Dá a impresión que viviches pouco mundo, ou ben, que se o viches e o viviches algo che impide coñecer o que pasa. Neste país desde que un nace ten que soportar, non un crego que te amola senón unha ditadura angustiante de catolicismo rancio, pegañento e inevitable, tal que coas súas redes ancoradas no pasado cando o palio acubillaba unha ditadura, non dan a máis mínima oportunidade de formar ás persoas dentro da liberdade co gallo de ter personalidade propia e criterio; tan cega fan á maior parte da xente que nin sequera, como no teu caso, poden detectar cregos amolantes. E iso non só ao nacer, senón que ata o último día da túa vida perséguente para que no teu enterro vaia un deses cregos; tanto é así que me consta o empeño real que teñen porque Fidel leve auga bendita á tumba. Non quero que te cures nin que abras os ollos, sei que non o podes conseguir. Un saúdo

sábado, 2 de abril de 2011

2012 sen Zapatero

Coido que hai que deixar pasar algúns anos para analizar a Zapatero e poder ter realmente a súa valoración coma presidente de Goberno do estado español. É certo que cambiou da sociedade plural á singular; tamén é certo que se dobregou ás esixencias de Europa, dos banqueiros, dos empresarios, incluso contradicindo moitas cousas do seu discurso dos comezos e do ideario do seu partido. Agora ben, se de verdade queredes, rapaces, un mundo sen mercado nin capitalismo, sen empresas no que "o lucro do empresario" é legalmente o seu obxectivo, hai que poñerse a traballar xa, e deixarse de contos. Hai que renunciar as trapalladas para encher a andorga e esquecer o  consumo masivo de cousas que non teñen a menor importancia na vida do ser humano. Loitar, aforrar recursos da natureza, aproveitar e reparar todo o construído e fabricado ata esgotalo, renunciar ao que se chama moda, en definitiva: seguir unha economía de produción programada e de decrecemento. Para os que non estean dispostos a renunciar a iso, dende logo Zapatero foi o mellor presidente posible.

miércoles, 12 de enero de 2011

Decrecemento

Hai cousas que marcan a nosa vida. Hoxe escoitei unha palabra que deixa pegada na miña existencia, ela é: Decrecemento, usado como motor da economía mundial. Paréceme tan axeitado que penso que se debería facer unha revolución tan só para conseguir que o Mundo funcionase así na realidade. Como queira que conseguín esa información a través da bitácora de Manolo Cendán: http://nordes.wordpress.com/2011/01/11/obsolescencia-programada/#comment-3604 , deixo esta cita para recomendarvos, non só ver, senón estudar, o referido vídeo.

Tamén poño o comentario que lle deixei a Manolo na súa bitácora:

"Manolo, non sabes canto che agradezo a présa que te deches para colgar este vídeo, que considero elemental e básico, como lección primeira para comezar o proceso da revolución do Decrecemento. Todas as persoas, xa novas, xa con máis idade, deberían coñecer a perfección este estudio . Con teu permiso, que presupoño, farei todo o posible para difundir a túa bitácora, con este artigo no primeiro lugar. De novo, grazas e unha aperta."

Grazas por leerme e difundir os meus escritos.