miércoles, 8 de junio de 2011

Perdón

O que perdoa, é que ten algo apuntado para cobrar; o que pide perdón quere facer desaparecer, a cambio de un pago, a pegada de algo que fixo sabendo que facía mal, ou cando menos que recoñece que fixo mal.

Eu penso que o perdón é unha argucia. Tan so pode existir, coma existe na nosa sociedade, froito de moitos séculos de repetir unha falacia, na procura do aliñamento da xente en función do máis alá, para que renuncien ao próximo. A realidade pretérita tan só cabe coñecela, e a partires dela facer autocrítica. Ninguén pode borrar o pasado, antes ben, hai que ser honrado co mesmo. Se alguén na súa autocrítica encontra un dano feito a outra persoa debe manifestarlle dunha maneira inequívoca o recoñecemento da súa falta, repoñer na medida do posible o dano feito e comprometerse en función da autocrítica e do aprendizaxe da lección do suceso para que nunca máis volva a acontecer.

O perdoar, é dicir, quedar coa sensación de que non pasou nada despois de confesalo, é un furto e un abuso para o damnificado. Se hai intermediarios, ou sexa alguén que perdoa no nome de outro, é unha artimaña artificiosa. Se por obter o perdón pensamos que a persoa é a mesma de antes, estamos aliñados á unhas crenzas que non teñen en conta a razón.

Este preámbulo non ten outro obxecto que facer entender porque á hora de elixir o seu voto moitas persoas non teñen en conta a corrupción dos que van nas listas. Tamén da explicación o por que aplauden aos seus delincuentes (que supoñen perdoados), namentres condenan aos contrarios que cometen o mesmo delito.

viernes, 6 de mayo de 2011

Grupo irregular

Inventemos o futuro. Aos mozos e mozas e sobre todo aos que son virxes en votacións pídolles que voten, aínda que para elixir fagan un gran esforzo; non votar, ou un voto en branco só axuda aos culpables. Inventemos: Teño un proxecto para facer un grupo que se poida presentar ás eleccións e conseguir os suficientes votos como para dobregar aos poderosos ricos que mandan e aos políticos actuais que lles obedecen, deste xeito poderemos traer á nosa sociedade a democracia verdadeira, é dicir que mande o pobo cos seus votos. Presentareino na miña páxina, o día 23. De momento voulle a chamar Grupo irregular (Gi). Unha vez que expoña o meu invento a través de asembleas que xurdan en calquera lugar e a través da Rede, iremos pulindo o proxecto ata chegar ao final, sabendo que non teño ningún inconveniente en que sexa totalmente diferente ao que eu propoñía no principio, o fin é que estea apoiado por todos, salvo claro, esa minoría culpable.

jueves, 21 de abril de 2011

Cregos que amolan

Hoxe lin no Xornal de Galicia unha opinión que non me resistin a comentar
http://www.xornal.com/opinions/2011/04/21/Opinion/ateos-pelmazos/2011042116490700947.html

Dá a impresión que viviches pouco mundo, ou ben, que se o viches e o viviches algo che impide coñecer o que pasa. Neste país desde que un nace ten que soportar, non un crego que te amola senón unha ditadura angustiante de catolicismo rancio, pegañento e inevitable, tal que coas súas redes ancoradas no pasado cando o palio acubillaba unha ditadura, non dan a máis mínima oportunidade de formar ás persoas dentro da liberdade co gallo de ter personalidade propia e criterio; tan cega fan á maior parte da xente que nin sequera, como no teu caso, poden detectar cregos amolantes. E iso non só ao nacer, senón que ata o último día da túa vida perséguente para que no teu enterro vaia un deses cregos; tanto é así que me consta o empeño real que teñen porque Fidel leve auga bendita á tumba. Non quero que te cures nin que abras os ollos, sei que non o podes conseguir. Un saúdo

sábado, 2 de abril de 2011

2012 sen Zapatero

Coido que hai que deixar pasar algúns anos para analizar a Zapatero e poder ter realmente a súa valoración coma presidente de Goberno do estado español. É certo que cambiou da sociedade plural á singular; tamén é certo que se dobregou ás esixencias de Europa, dos banqueiros, dos empresarios, incluso contradicindo moitas cousas do seu discurso dos comezos e do ideario do seu partido. Agora ben, se de verdade queredes, rapaces, un mundo sen mercado nin capitalismo, sen empresas no que "o lucro do empresario" é legalmente o seu obxectivo, hai que poñerse a traballar xa, e deixarse de contos. Hai que renunciar as trapalladas para encher a andorga e esquecer o  consumo masivo de cousas que non teñen a menor importancia na vida do ser humano. Loitar, aforrar recursos da natureza, aproveitar e reparar todo o construído e fabricado ata esgotalo, renunciar ao que se chama moda, en definitiva: seguir unha economía de produción programada e de decrecemento. Para os que non estean dispostos a renunciar a iso, dende logo Zapatero foi o mellor presidente posible.

miércoles, 12 de enero de 2011

Decrecemento

Hai cousas que marcan a nosa vida. Hoxe escoitei unha palabra que deixa pegada na miña existencia, ela é: Decrecemento, usado como motor da economía mundial. Paréceme tan axeitado que penso que se debería facer unha revolución tan só para conseguir que o Mundo funcionase así na realidade. Como queira que conseguín esa información a través da bitácora de Manolo Cendán: http://nordes.wordpress.com/2011/01/11/obsolescencia-programada/#comment-3604 , deixo esta cita para recomendarvos, non só ver, senón estudar, o referido vídeo.

Tamén poño o comentario que lle deixei a Manolo na súa bitácora:

"Manolo, non sabes canto che agradezo a présa que te deches para colgar este vídeo, que considero elemental e básico, como lección primeira para comezar o proceso da revolución do Decrecemento. Todas as persoas, xa novas, xa con máis idade, deberían coñecer a perfección este estudio . Con teu permiso, que presupoño, farei todo o posible para difundir a túa bitácora, con este artigo no primeiro lugar. De novo, grazas e unha aperta."

Grazas por leerme e difundir os meus escritos.

viernes, 13 de agosto de 2010

Control Demográfico

Pido axuda para facerlle chegar este escrito a: Dick Smith (Australia).




Hoxe día 13 de agosto do 2010, afondei na nova que lin onte en La Voz de Galicia, por ese motivo cheguei á páxina:
http://www.theage.com.au/environment/conservation/dicks-blonde-ambition-1m-cash-to-save-civilisation-20100811-11z80.html

Alí encontro a Dick Smith, que está creando un premio William Wilberforce, en honra ao que este home fixo en prol de abolir a escravitude, para premiar a quen poida mostrar un proxecto que faga posible o Control Demográfico e así corrixir a baixa o exceso de poboación mundial.

Pois ben quero chegar coa miña mensaxe a Dick Smith, teño 59 anos, polo que non podo ser candidato ao premio, pero con todo iso si teño moitas ideas sobre o tema e ademais creo que a superpoboación é o primeiro problema da humanidade e a prostitución o segundo.

Xa que logo me puxen á tarefa de crear un lugar onde expor estes e algúns outros temas totalmente novos no eido do debate, coido que sería de valorar en positivo saber se o referido Dick Smith estaría de acordo na seguinte aseveración:

O ecoloxismo empeza por controlar e reducir a proliferación da criatura que desequilibrou a terra: o ser humano. A escravitude acaba reducindo a cero, a chata máis antiga da humanidade: a prostitución. Son estes, e por esa orde, os principais perigos que axexan sobre a humanidade: a superpoblación e a prostitución. Todo o demais por moi problemático que sexa, vén a continuación. Empecemos polo primeiro.

Son único, non teño unha organización detrás nin tampouco medios económicos, pero iso non me impide ser optimista. Na miña incipiente páxina: http://opoetadeinternet.wordpress.com/, en breve exporei tres Inventos, que serán un revulsivo para a humanidade, sobre todo un deles referido á enerxía. Se cadra é posible que nun futuro próximo, algún funcione e produza moitos beneficios económicos; pois ben, o sentido que levaría o emprego deses recursos, é xustamente:

-Invertir o signo de crecemento, o cal levaría a un consumo moi moderado (só o imprescindible) co mantemento e reparación dos bens que temos, reducindo ao máximo a fabricación do novo mentres non se esgote o uso dispoñible do que xa está feito (sen prexuizo sobre a investigación, pero evitando que esta se enfoque baixo a premisa do enriquecemento), e

- Acabar coa prostitución de xeito real, o cal quere dicir facer unha verdadeira revolución social.

Teño o sostén ideolóxico para esta revolución, tan só necesitaría tempo para concretalo e razoalo dabondo, como para que non suscite gargalladas desde o primeiro momento e sexa asumido cando menos, como punto de partida para unha reflexión global que leve a canalizar adecuadamente o desenvolvemento da Biosfera.

lunes, 5 de abril de 2010

Luns de Pascua do 2010

Tan só quero deixar sinalado que esta bitácora xa está activa. Hoxe é luns, Luns de Pascua do 2010.

Se cadra resulta rechamante que date o comezo da miña exposición pública usando un símbolo netamente relixioso, cando por outra banda a miña bitácora co seu nome deixa ben ás claras a miña posición vital: son ateo sen ningún tipo de dúbida, con tódalas consecuencias; sei que non hai deus, ningún deus, nin sequera escrito con maiúscula. Porén acontece que nacín nun lugar onde hai unha cultura milenaria, que eu teño integrada na súa totalidade na miña persoa pola sinxela razón de que é parte inseparable de min. Gústame ser galego e todo o que elo leva implícito, por suposto o respecto máximo á nosa historia, ás nosas tradicións, ás nosas crenzas, a tódalas nosas xentes, aos nosos ritos, ás nosas lendas. Velaí que a mellor maneira, a máis universal e a que sempre vai perdurar, para recoñecer o día de hoxe é Luns de Pascua do 2010, por iso eu ateo uso esta forma. É compatible. Non ter fe en ningún dos miles de deuses que hai no mundo é compatible co uso das diferentes formas de culturas. Eu son galego e sei que hai Santa Compaña, outra cousa é que incida na miña existencia, se eu non quero.

Quero nesta bitácora achegar ideas. Ideas. Ideas, a poder ser, que endexamais se escoitaran. Sei que se así fose moitas delas, se cabe todas, acadarían un sorriso, ou se cadra gargalladas sen control, máis o que ten importancia é se algunha delas provoca en alguén (mesmo despois das gargalladas) un instante de reflexión. Nin sequera pretendo que esa reflexión sexa de asentimento, senón advertir de que tódalas cousas se poden ver e concibir doutro xeito, as máis das veces antagónico, e non pasa nada.

Confeso ateo deixo para a seguinte o de poeta. Buscádeme, prometo ser infiel. Como vos decatariades "ateo poeta" é un palíndromo, iso é así porque esta bitácora ten pretensións universais e de que chegue a todo o mundo, non quero que se en algures len de dereita a esquerda deixen de entrar a lerme.

Grazas por chegar aquí lendo.