miércoles, 20 de junio de 2012

A Vida


Repasei toda a miña vida dun golpe. Unha ollada lixeira, pero ordenada, de cabo a rabo, tal coma se fose aos naipes na man do mago. 40 cartas. Mais se cada carta fose un dos meus días, faría falta unha baralla de 22.323 naipes. ¡Moitos naipes.

Teño claro que non me vou a aforcar; esa morte non. Pero quero poñer fin a miña vida como dereito fundamental, precisamente da vida. A morte non é máis que un suceso da túa propia vida, coido que só ten a particularidade de que é o derradeiro. Por iso tan só un mesmo ten o dereito a decidir cando toca morrer. Malia que a sociedade aínda está atrasada nisto; deberíase poder ir á farmacia e pedir unha pastilla, logo, cando ti quixeses tomábala e tan docemente adormecías, e rematou a túa historia.

O ABC de hoxe pon que Rajoy xa ventilou aos galegos, endosoulles unha carga económica, para pagar, insoportable. Amais non teño traballo, non podo pagar as débedas no primeiro de mes, e os bancos, ¡coidadiño están aí para ingresar os xuros, máis os xuros de mora, máis as comisións de reclamación da débeda; están aí. Os mercados que coma motor da economía xa nos amosaron que nos afogan, quítannos os dereitos e o benestar acadados con tantas loitas, tantos dores, tantas mortes... pero queren máis mortes, e queren escravizarnos sen cadeas, pero sen opción algunha á menor liberdade; iso si, podemos escoller entre coca cola ou pesi cola.

Pensei en deixarlle unha carta ao xuíz, ¿a cal ¿ao presidente do Supremo. ¿Como lle explico que quero morrer porque os que mandan na sociedade nos asfixian, quítannos a posibilidade de traballar, de ter unha vivenda, de ter comida para non pasar fame, de ter unha Ensinanza pública, unha Sanidade universal para todos, quítannos a posibilidade de pasar os últimos anos da nosa vida axeitadamente, con dignidade. Isto para nós os parias, pero non aos banqueiros, tampouco aos ex-cargos públicos, nin aos corruptos, nin aos que gastan 6000 euros dos nosos impostos en pasar divertidos unha fin de semana (de 3 ou 4 días) unha e outra vez. Para rescatar a eses e encubrir a aqueles endebédanos Rajoy a Nós.

Por todo isto puxen punto e final, e coma non me quero aforcar, nin hai a pastilla, subín a un edificio de moitos pisos. Aí entrei nunha habitación e abrín a ventá, 20 andares: suficiente. Collín carreira e soltei...

Cando pouco despois saín polo portal e mirei para a ventá do piso 20, vin o boneco, co que fixen a proba de matarme, esganado pola gorxa. Pasou que o ceibalo pola fiestra enguedellouse nas cordas da persiana e alí quedou aforcado coma un pallaso. Fixen ben en facer unha proba do meu suicidio, pois se chego a ser eu morrería aforcado cando a miña vontade (por non ter a pastilla) era morrer machucado contra o asfalto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario