jueves, 1 de agosto de 2013

Unha distracción humana pódete matar



Hai tempo xa, que nas travesías de Galicia puxeron radares; aínda algúns facían prender a luz vermella dun semáforo, que che facía parar. Nunca se recoñeceu que tiveran un fin económico, é dicir: recadatorio; de ganar cartos. Semella que este invento tan cativo supón gastar cartos, xa que logo non estaba incluído na infraestrutura de Renfe na perigosa curva de Angrois, pero si houbo diñeiro para poñer unha cámara de vídeo, non quero pensar que por se acontecía un accidente. Evidentemente coido que si estivera o dispositivo de radar que avisara do perigo ó condutor, ou ben frease o convoi, o sinistro non tería acontecido.

Pasada unha semana xa, dende o horroroso suceso, non teño coñecemento de que se pediran dúas cousas que eu penso precisas; aquí as deixo coma propostas:

Unha para o fiscal, de tal xeito que investigue a responsabilidade penal dos técnicos do proxecto e dos políticos que decidiron a inversión pública, por non incluír esa, ou outras medidas de seguridade, no incomprensible deseño dun traxecto de alta velocidade que presenta tramos tan anguriosos como a devandita curva (de oitenta quilómetros hora, pouco despois dun tramo de 250) Tamén se a cesión das imáxenes do vídeo do accidente reportou algún beneficio económico; non vaia ser.

A outra, que namentres non se corrixan estas trampas mortais, no billete que se merca para poder viaxar por estes tramos poña: “unha distracción humana pódete matar”

Axudemos a un ser humano que se despistou, pois teña ou non responsabilidades penais, os responsábeis superiores son outros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario