sábado, 6 de diciembre de 2014

6 de decembro


A efeméride hoxe é: 78 anos e medio de franquismo. Certo é que o ditador a súa morte deixou todo atado e ben atado.
 
Daquela, no 78, era tanto o medo que tiñamos ó derramamento de sangue entre irmáns que incluso o meu partido comunista fixo unha forza feroz para o si á Constitución; traballamos arreo. Máis moitos , que votamos tamén Non, agardabamos seguir sendo, ó día seguinte, o que eramos, comunistas na busca dunha República Social, nun Estado con verdadeira Democracia e Federal cás catro Nacións que o forman. Pero impedíronnos mexar fora do testo, tamén non nos deixaron pensar fora do Texto, o politicamente correcto significaba aceptar o mercado como locomotora da economía, aceptar a Europa que había (entón aínda con muro de Berlín que permitía negociar un Estado de Benestar), aceptar e logo xunguirse ó exército do imperio capitalista, e tamén asumir o que deixara atado o morto: a súa monarquía (aínda hoxe hai quen mantén que o abdicado monarca de Franco non tivo nada que ver co 23 F, ou incluso que o fixo ben), a súa bandeira con algún retoque, o seu colonialismo do imperio (“Una, grande y libre capital Madrid” – chamamballe eufemisticamente: “café para todos”-), e sobre todo o seu Concordato con Roma, cá sola diferencia de poñer no papel o nome de Estado Laico, que lles posibilitou, por enriba, manter intacto o seu poder de alineación (tal que o mesmo Mussolini) dende o seu control absoluto da ensinanza. Así que asumimos como normal todo isto , tan só lles quedaba, pouco a pouco, gañar terreo: a cruz na Renda, o pagarlles nós os seus catequistas na escola, a suspensión dos impostos aínda nas súas empresas de maior lucro, o poder notarial da súa palabra para inmatricular propiedades públicas e volver atrás cousas coma a Educación para a Cidadanía, o aborto, proclamar a muller na casa sumisa ó seu macho, até sacar a foto destes días, en pleno día, no centro de Madrid: unha pequena en primeiro plano saudando coma no nazismo, en compañía de adultos, coma facían moitos bispos cando levaban baixo palio ó ditador.

Hoxe se algo perdemos foi o medo o enfrentamento sanguento entre nós; ninguén propugna a violencia para conquistar o poder: imos, marchamos, mareamos cás mans en alto ou entrecollidas (a violencia, a intolerancia, a mordaza é deles), conseguimos pararlles os pés a moitos banqueiros, botar a ministros e a Esperanza que tiñan, obrigamos á Xustiza a que nos dea a razón nas cláusulas abusivas, protexemos que haxa xuízas e xuíces que se atrevan a loitar contra o franquismo e a súa corrupción, incluso a real (aínda que outros xuíces caian con condenas excesivas).

Necesitamos unha Constitución de verdade, hoxe podemos conseguilo se todas os asoballados nos xuntamos contra o inimigo común: a casta do 78.

martes, 22 de abril de 2014

Socialemocracia e Eurocomunismo




É hora xa de facer autocrítica construtiva que nos sirva para sabermos o que temos que facer para combater o neoliberalismo que, cada vez máis, nos excraviza.

Na década do setenta socialdemócratas e eurocomunistas incorremos un erro histórico para a loita obreira e das clases humildes e excluídas da sociedade moderna, isto foi aceptar o mercado como motor da economía, pensando que desde o Estado podíamos poñer medidas para controlalo; esta aceptación supuxo que nos cederan momentaneamente en Europa un estado de Benestar e uns avances importantes na conquista dos nosos Dereitos e desenvolvemento Social, na Sanidade e o Ensino, pero a cambio eles puxeron en práctica os seus métodos alienantes a través do seu Poder Mediático e o seu control absoluto do Ensino e formación dos cidadáns, solapando o poder eclesiástico, facendo individuos sen capacidade crítica, enganchados a un consumismo atroz de tal xeito que transformaron o ímpeto revolucionario do Maio do 68 en un aburguesamento masivo dos dirixentes de ese movemento, das masas obreiras e dos estudantes, até o punto de facerlles pensar que liberdade é escoller entre Pepsi-Cola ou Coca-Cola, Burger King ou Mcdonalds ou ben un pantalón Levis ou Pepe Jeans, chegando a xente a pensar que a felicidade é ter unha segunda vivenda no monte ou na praia, cambiar de coche, televisor e lavadora cada 2 anos, ou de roupa, móbil e peiteado cada 6 meses, sendo a aspiración máxima de eses individuos ter unha pizza e un Red Bull, mentres espera sentado no sofá que Messi meta un gol para saír sorrindo á rúa (Non estou moito no tema, mais semella que agora ten que marcar o gol un Cristiano por iso Rouco Varela, o ministro do Interior e outros saen tanto na moviola) Con isto a maioría dos obreiros transformáronse en burgueses alineados, rematando a loita de clases, imprescindible para ganarlles a partida o imperialismo neoliberal.

Non serei eu quen diga que naqueles tempos se puidera facer algo mellor que alistarse na Socialdemocracia ou no Eurocomunismo para favorecer a clase obreira, mais estamos en hoxe, e por tanto o recoñecemento de ese erro histórico ten que valer para corrixilo e volver a ser obreiros e estudantes revolucionarios, renunciando o consumismo e perpetrar loita de clases para derrotar, no primeiro lugar, ó Mercado e implantar a Economía Planificada ó menos nos sectores que implican os Dereitos Humanos Fundamentais: Alimentación e Enerxía, Traballo, Vivenda, Sanidade e Ensino; en segundo lugar acabar ca idea da empresa neoliberal (é un ente para o lucro do empresario) e en consecuencia leva implícito a explotación dos traballadores; e por último establecer dunha maneira efectiva Nacións e Estados Republicanos, Democráticos e totalmente Laicos.

Nada deste proceso revolucionario debe asustarnos porque a loita vai a ser pacífica e sen violencia, si ben contundente e de Insubmisión para as Leis e Órdes abusivas e imperialistas; de acción permanente e asfixiante para o poder, pero sobre todo ten que ser de participación masiva xa que somos máis dun 90% os perxudicadas, agredidos e desposuídas dos nosos Dereitos. A loita será pola Democracia seria, con un sistema Electoral Proporcional puro e mellorado de tal xeito que todos os votos teñan representación parlamentaria. Iso si, os partidarios de dar o poder a esquerda teñen que esixirlles, unha vez no poder, que promovan programas socialistas tales como que os emprendedores en vez de ir a escolas neocapitalistas para ser empresarios e explotar ás traballadores, se formen para ser cooperativistas e xestionar as empresas de forma asemblearia na percura de dar un servizo ou producir un ben que necesiten as cidadáns en función dunha Economía Planificada (e non polo lucro) sendo este tamén o obxectivo na Universidade, Investigación, etc.
A esquerda no poder ten que conseguir facer públicas (de todos) as empresas que produzan bens e servizos fundamentais (xa mencionados antes) A esquerda no poder ten que lograr unha Sociedade Republicana, Democrática e totalmente Laica, de feito e de dereito, sen participar en actos de liturxia de ningunha relixión; así mesmo implantar, sen ningún tipo de represión: o dereito a decidir das persoas sobre o seu corpo e a súa Vida (e morte); a súa liberdade de pensamento, información, expresión, reunión e uso responsable dos Recursos da Natureza. A esquerda en definitiva ten que manifestar con claridade que a riqueza non a produce o capital, se non o Traballo de cada un das cidadáns, logo ser consecuentes cando alcance o Poder.

jueves, 2 de enero de 2014

Doente


Coido que miña bitácora non é o mellor espello onde reflectir ó mundo as miñas cousas particulares: paréceme egocéntrico, agora ben a excepción é a causa da miña enfermidade.
Son doente e non é nada doado selo, e moito menos ser un bo doente.
Nas 3 semanas que levo vivindo no hospital, que para min supón o primeiro ingreso da miña vida, xa fixen moitas cousas:
As que máis deixarme levar por unha morea de grandes profesionais, mulleres e homes, que co seu saber e dedicación anónima, sacan adiante a saúde de tantos de nos. Defendo aquí a Sanidade Pública Universal e gratuíta.
Nalgún caso opúxenme o que dicían de facer, ou mesmo rexeitei un medicamento a enfermeira e médico incluído.
Noutro pedín que me pautaran un medicamento que me suprimiran 6 días antes e así fixeron.
Aínda fixen unha reclamación ó Defensor do doente.
¿E da miña doenza dirédesvos.
Non é doada e ten moitos riscos. E moi dura. Mais posto a elo voume poñer testudo por saír adiante aínda que só sexa para poder poñer outra entrada nesta vosa bitácora.

¡Ah, esquecíaseme: mañá baixo a quirófano.
 

 

jueves, 1 de agosto de 2013

Unha distracción humana pódete matar



Hai tempo xa, que nas travesías de Galicia puxeron radares; aínda algúns facían prender a luz vermella dun semáforo, que che facía parar. Nunca se recoñeceu que tiveran un fin económico, é dicir: recadatorio; de ganar cartos. Semella que este invento tan cativo supón gastar cartos, xa que logo non estaba incluído na infraestrutura de Renfe na perigosa curva de Angrois, pero si houbo diñeiro para poñer unha cámara de vídeo, non quero pensar que por se acontecía un accidente. Evidentemente coido que si estivera o dispositivo de radar que avisara do perigo ó condutor, ou ben frease o convoi, o sinistro non tería acontecido.

Pasada unha semana xa, dende o horroroso suceso, non teño coñecemento de que se pediran dúas cousas que eu penso precisas; aquí as deixo coma propostas:

Unha para o fiscal, de tal xeito que investigue a responsabilidade penal dos técnicos do proxecto e dos políticos que decidiron a inversión pública, por non incluír esa, ou outras medidas de seguridade, no incomprensible deseño dun traxecto de alta velocidade que presenta tramos tan anguriosos como a devandita curva (de oitenta quilómetros hora, pouco despois dun tramo de 250) Tamén se a cesión das imáxenes do vídeo do accidente reportou algún beneficio económico; non vaia ser.

A outra, que namentres non se corrixan estas trampas mortais, no billete que se merca para poder viaxar por estes tramos poña: “unha distracción humana pódete matar”

Axudemos a un ser humano que se despistou, pois teña ou non responsabilidades penais, os responsábeis superiores son outros.

jueves, 21 de febrero de 2013

A disxuntiva no Psoe hoxe


Querida Bea.

Bea, eu teño por costume diferenciar entre as siglas e as persoas; agora ben, cando unha persoa ostenta un cargo público dun partido e pertence á dirección do mesmo, ten que ter presente que publicamente ten que asumir as críticas á ese partido, ao marxe da súa postura persoal, incluso se é de loita dentro do mesmo partido. Ninguén discute que o PSOE, en unión co PP e CIU, venderon aos cidadás, cambiando o artigo 135 da Constitutución, e iso fainos corresponsables de que os bancos tomaran o poder por encima das cidadáns. O indulto a Alfredo Sáez, xa é o colmo dese empoderamento bancario en contra do pobo. Coma ben dicía Ada Colau no discurso na Comisión Parlamentaria da ILP da PAH, que era o discurso da cidadanía (Sociedade Civil) que é quen ten que ter o poder, hai unha estafa das entidades financeiras, na que son corresponsable os partidos que a propician e legalizan, que chega a responsabilidade criminal no caso das mortes por suicidio. Isto é moi grave, e é froito da aplicación das políticas neoliberáis por parte dos partidos da dereita, e tamén do PSOE. Resolver esta disxuntiva dentro do teu partido, non é cuestión de persoas se non de programas, nos que claramente se decida apostar por unha economía marxista, de claro compoñente social, que se una á loita dos traballadores e dos parias da nosa sociedade (enfrontándose con claridade ao poder da banca) En tanto isto non ocorre aos militantes do PSOE, non lles queda outra que aguantar o rexeitamento público manifesto e incluso subido de ton.

Esta realidade non se pode tapar, e cada quen pódea expresar. Que ex ministros abandonen unha manifestación onde estorban, pola presión da cidadanía indignada, é normal mentres non rectifiquen. Ti mesma, Bea, marchaches dunha concentración contra os deshafiuzamentos, na praza do Concello de Ferrol, despois da lectura do manifesto, supoño que chea de vergoña; tan só Celso tomou a palabra a micrófono aberto, para desculpar a actitude do PSOE.

Alexandre, Bea, é un dos nosos; que as formas, que min me parecen satíricas e axustadas, non sexan vistas así por Martín e Ocampo é normal, que o digan estes compañeiros tamén. Agora, iso non pode tapar a realidade e as responsabilidades dun Partido. ¡A loitar, Bea, e se non consegues que o partido cambie, pois xa sabes: non o representes.

lunes, 8 de octubre de 2012

Colonialismo

Hoxe leo na prensa a contundente vitoria de Chávez, e nos comentarios da xente advirto o profundo que calou a insistencia mediática centralista de chamarlle tolo.

É triste que na vella España aínda exista a sensación de colonialismo e que as súas forzas mediáticas puxesen unha imaxe indebida ao gran loitador da humanidade que é Chávez, coma fixo outrora co seu irmán de loita Fidel Castro. Máis estes medios caen derrotados e son moitos centos de cidadás quen xa nin miran para EL PAÍS e moito menos para outras forzas mediáticas máis neoliberais que este periódico. Eu mesmo xa hai moito tempo que o rexeito e o motivo non foi a súa descerebrada orientación antiamericana (pero si a prol dos ianquis) que tamén, se non o seu centralismo atroz, que lle levaba a defender Madrid coma capital do reino ao igual que na Idade Media Totalitaria. España sempre tivo colonializadas as súas irmás Galicia, Euskadi e Cataluña e en clave de modernidade o periodismo debe axudar a construír un Estado Federal Republicano e Laico coas catro nacións. O outro é mirar para atrás coma ben indica a foto de onte no Vaticano.

martes, 2 de octubre de 2012

O poder ten que ser obediente.

Esta pequena expresión ¡que grande é. Encerra todo o que un cidadá pode pedir a aqueles a quen lles paga para que exerzan o poder e podan organizar a sociedade na que vivimos. Pero que difícil é conseguir realmente que o poder sexa obediente aos mandatos do pobo, en vez de obedecer a imposicións estranxeiras, ou ao seus propios intereses. Eu doulle voltas e reviravoltas para atopar a fórmula máxica de organizármonos de tal xeito que exista un resorte que faga que as cidadáns poidan suspender de súpeto a calquera gobernante, delegada, electo ou funcionaria que se exceda, ou non cumpra a función para a que foi posto e pola que exerce un poder, incluso se ese lugar de poder o ocupa sen percibir unha paga.

A frase: “O poder ten que ser obediente” non é miña, escoiteina o pasado venres nunha asemblea en Ferrol. Unha asemblea do tecido social, e dos que ultimamente loitan a esgalla para buscar maneiras alternativas ao neoliberalismo imperante: Outra maneira de vivir é posible. Unha Asemblea dos Movementos Sociais, celebrada o 28 de Setembro de 2012 no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño de Ferrol, onde foi aprobado un Manifesto en apoio á candidatura Alternativa Galega de Esquerda.

Impresionoume o gran número de persoas que tomaron a palabra, para expresar libremente o seu parecer; ase mesmo a obediencia de uns para coas outras, o respecto, pero sobre todo a sensación de que cada unha de nós éramos o importante: non había escenario, non había mesa que presidira nada, non había cargos ou representante públicos, aínda que si había persoas coma nós, que militan nalgunhas asociacións ou partidos. Éramos seres humanos na procura dun Manifesto común.

Tan forte foi o impacto que souben de inmediato que algo novo se estaba a facer, algo que lle devolva o poder ao pobo, algo que faga obedientes ao noso mandato aos que elixamos para que nos representen. Por fin temos unha opción ilusionante.