Mostrando entradas con la etiqueta Eleccións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Eleccións. Mostrar todas las entradas

martes, 2 de octubre de 2012

O poder ten que ser obediente.

Esta pequena expresión ¡que grande é. Encerra todo o que un cidadá pode pedir a aqueles a quen lles paga para que exerzan o poder e podan organizar a sociedade na que vivimos. Pero que difícil é conseguir realmente que o poder sexa obediente aos mandatos do pobo, en vez de obedecer a imposicións estranxeiras, ou ao seus propios intereses. Eu doulle voltas e reviravoltas para atopar a fórmula máxica de organizármonos de tal xeito que exista un resorte que faga que as cidadáns poidan suspender de súpeto a calquera gobernante, delegada, electo ou funcionaria que se exceda, ou non cumpra a función para a que foi posto e pola que exerce un poder, incluso se ese lugar de poder o ocupa sen percibir unha paga.

A frase: “O poder ten que ser obediente” non é miña, escoiteina o pasado venres nunha asemblea en Ferrol. Unha asemblea do tecido social, e dos que ultimamente loitan a esgalla para buscar maneiras alternativas ao neoliberalismo imperante: Outra maneira de vivir é posible. Unha Asemblea dos Movementos Sociais, celebrada o 28 de Setembro de 2012 no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño de Ferrol, onde foi aprobado un Manifesto en apoio á candidatura Alternativa Galega de Esquerda.

Impresionoume o gran número de persoas que tomaron a palabra, para expresar libremente o seu parecer; ase mesmo a obediencia de uns para coas outras, o respecto, pero sobre todo a sensación de que cada unha de nós éramos o importante: non había escenario, non había mesa que presidira nada, non había cargos ou representante públicos, aínda que si había persoas coma nós, que militan nalgunhas asociacións ou partidos. Éramos seres humanos na procura dun Manifesto común.

Tan forte foi o impacto que souben de inmediato que algo novo se estaba a facer, algo que lle devolva o poder ao pobo, algo que faga obedientes ao noso mandato aos que elixamos para que nos representen. Por fin temos unha opción ilusionante.

miércoles, 8 de junio de 2011

Perdón

O que perdoa, é que ten algo apuntado para cobrar; o que pide perdón quere facer desaparecer, a cambio de un pago, a pegada de algo que fixo sabendo que facía mal, ou cando menos que recoñece que fixo mal.

Eu penso que o perdón é unha argucia. Tan so pode existir, coma existe na nosa sociedade, froito de moitos séculos de repetir unha falacia, na procura do aliñamento da xente en función do máis alá, para que renuncien ao próximo. A realidade pretérita tan só cabe coñecela, e a partires dela facer autocrítica. Ninguén pode borrar o pasado, antes ben, hai que ser honrado co mesmo. Se alguén na súa autocrítica encontra un dano feito a outra persoa debe manifestarlle dunha maneira inequívoca o recoñecemento da súa falta, repoñer na medida do posible o dano feito e comprometerse en función da autocrítica e do aprendizaxe da lección do suceso para que nunca máis volva a acontecer.

O perdoar, é dicir, quedar coa sensación de que non pasou nada despois de confesalo, é un furto e un abuso para o damnificado. Se hai intermediarios, ou sexa alguén que perdoa no nome de outro, é unha artimaña artificiosa. Se por obter o perdón pensamos que a persoa é a mesma de antes, estamos aliñados á unhas crenzas que non teñen en conta a razón.

Este preámbulo non ten outro obxecto que facer entender porque á hora de elixir o seu voto moitas persoas non teñen en conta a corrupción dos que van nas listas. Tamén da explicación o por que aplauden aos seus delincuentes (que supoñen perdoados), namentres condenan aos contrarios que cometen o mesmo delito.