jueves, 2 de enero de 2014

Doente


Coido que miña bitácora non é o mellor espello onde reflectir ó mundo as miñas cousas particulares: paréceme egocéntrico, agora ben a excepción é a causa da miña enfermidade.
Son doente e non é nada doado selo, e moito menos ser un bo doente.
Nas 3 semanas que levo vivindo no hospital, que para min supón o primeiro ingreso da miña vida, xa fixen moitas cousas:
As que máis deixarme levar por unha morea de grandes profesionais, mulleres e homes, que co seu saber e dedicación anónima, sacan adiante a saúde de tantos de nos. Defendo aquí a Sanidade Pública Universal e gratuíta.
Nalgún caso opúxenme o que dicían de facer, ou mesmo rexeitei un medicamento a enfermeira e médico incluído.
Noutro pedín que me pautaran un medicamento que me suprimiran 6 días antes e así fixeron.
Aínda fixen unha reclamación ó Defensor do doente.
¿E da miña doenza dirédesvos.
Non é doada e ten moitos riscos. E moi dura. Mais posto a elo voume poñer testudo por saír adiante aínda que só sexa para poder poñer outra entrada nesta vosa bitácora.

¡Ah, esquecíaseme: mañá baixo a quirófano.
 

 

jueves, 1 de agosto de 2013

Unha distracción humana pódete matar



Hai tempo xa, que nas travesías de Galicia puxeron radares; aínda algúns facían prender a luz vermella dun semáforo, que che facía parar. Nunca se recoñeceu que tiveran un fin económico, é dicir: recadatorio; de ganar cartos. Semella que este invento tan cativo supón gastar cartos, xa que logo non estaba incluído na infraestrutura de Renfe na perigosa curva de Angrois, pero si houbo diñeiro para poñer unha cámara de vídeo, non quero pensar que por se acontecía un accidente. Evidentemente coido que si estivera o dispositivo de radar que avisara do perigo ó condutor, ou ben frease o convoi, o sinistro non tería acontecido.

Pasada unha semana xa, dende o horroroso suceso, non teño coñecemento de que se pediran dúas cousas que eu penso precisas; aquí as deixo coma propostas:

Unha para o fiscal, de tal xeito que investigue a responsabilidade penal dos técnicos do proxecto e dos políticos que decidiron a inversión pública, por non incluír esa, ou outras medidas de seguridade, no incomprensible deseño dun traxecto de alta velocidade que presenta tramos tan anguriosos como a devandita curva (de oitenta quilómetros hora, pouco despois dun tramo de 250) Tamén se a cesión das imáxenes do vídeo do accidente reportou algún beneficio económico; non vaia ser.

A outra, que namentres non se corrixan estas trampas mortais, no billete que se merca para poder viaxar por estes tramos poña: “unha distracción humana pódete matar”

Axudemos a un ser humano que se despistou, pois teña ou non responsabilidades penais, os responsábeis superiores son outros.

jueves, 21 de febrero de 2013

A disxuntiva no Psoe hoxe


Querida Bea.

Bea, eu teño por costume diferenciar entre as siglas e as persoas; agora ben, cando unha persoa ostenta un cargo público dun partido e pertence á dirección do mesmo, ten que ter presente que publicamente ten que asumir as críticas á ese partido, ao marxe da súa postura persoal, incluso se é de loita dentro do mesmo partido. Ninguén discute que o PSOE, en unión co PP e CIU, venderon aos cidadás, cambiando o artigo 135 da Constitutución, e iso fainos corresponsables de que os bancos tomaran o poder por encima das cidadáns. O indulto a Alfredo Sáez, xa é o colmo dese empoderamento bancario en contra do pobo. Coma ben dicía Ada Colau no discurso na Comisión Parlamentaria da ILP da PAH, que era o discurso da cidadanía (Sociedade Civil) que é quen ten que ter o poder, hai unha estafa das entidades financeiras, na que son corresponsable os partidos que a propician e legalizan, que chega a responsabilidade criminal no caso das mortes por suicidio. Isto é moi grave, e é froito da aplicación das políticas neoliberáis por parte dos partidos da dereita, e tamén do PSOE. Resolver esta disxuntiva dentro do teu partido, non é cuestión de persoas se non de programas, nos que claramente se decida apostar por unha economía marxista, de claro compoñente social, que se una á loita dos traballadores e dos parias da nosa sociedade (enfrontándose con claridade ao poder da banca) En tanto isto non ocorre aos militantes do PSOE, non lles queda outra que aguantar o rexeitamento público manifesto e incluso subido de ton.

Esta realidade non se pode tapar, e cada quen pódea expresar. Que ex ministros abandonen unha manifestación onde estorban, pola presión da cidadanía indignada, é normal mentres non rectifiquen. Ti mesma, Bea, marchaches dunha concentración contra os deshafiuzamentos, na praza do Concello de Ferrol, despois da lectura do manifesto, supoño que chea de vergoña; tan só Celso tomou a palabra a micrófono aberto, para desculpar a actitude do PSOE.

Alexandre, Bea, é un dos nosos; que as formas, que min me parecen satíricas e axustadas, non sexan vistas así por Martín e Ocampo é normal, que o digan estes compañeiros tamén. Agora, iso non pode tapar a realidade e as responsabilidades dun Partido. ¡A loitar, Bea, e se non consegues que o partido cambie, pois xa sabes: non o representes.

lunes, 8 de octubre de 2012

Colonialismo

Hoxe leo na prensa a contundente vitoria de Chávez, e nos comentarios da xente advirto o profundo que calou a insistencia mediática centralista de chamarlle tolo.

É triste que na vella España aínda exista a sensación de colonialismo e que as súas forzas mediáticas puxesen unha imaxe indebida ao gran loitador da humanidade que é Chávez, coma fixo outrora co seu irmán de loita Fidel Castro. Máis estes medios caen derrotados e son moitos centos de cidadás quen xa nin miran para EL PAÍS e moito menos para outras forzas mediáticas máis neoliberais que este periódico. Eu mesmo xa hai moito tempo que o rexeito e o motivo non foi a súa descerebrada orientación antiamericana (pero si a prol dos ianquis) que tamén, se non o seu centralismo atroz, que lle levaba a defender Madrid coma capital do reino ao igual que na Idade Media Totalitaria. España sempre tivo colonializadas as súas irmás Galicia, Euskadi e Cataluña e en clave de modernidade o periodismo debe axudar a construír un Estado Federal Republicano e Laico coas catro nacións. O outro é mirar para atrás coma ben indica a foto de onte no Vaticano.

martes, 2 de octubre de 2012

O poder ten que ser obediente.

Esta pequena expresión ¡que grande é. Encerra todo o que un cidadá pode pedir a aqueles a quen lles paga para que exerzan o poder e podan organizar a sociedade na que vivimos. Pero que difícil é conseguir realmente que o poder sexa obediente aos mandatos do pobo, en vez de obedecer a imposicións estranxeiras, ou ao seus propios intereses. Eu doulle voltas e reviravoltas para atopar a fórmula máxica de organizármonos de tal xeito que exista un resorte que faga que as cidadáns poidan suspender de súpeto a calquera gobernante, delegada, electo ou funcionaria que se exceda, ou non cumpra a función para a que foi posto e pola que exerce un poder, incluso se ese lugar de poder o ocupa sen percibir unha paga.

A frase: “O poder ten que ser obediente” non é miña, escoiteina o pasado venres nunha asemblea en Ferrol. Unha asemblea do tecido social, e dos que ultimamente loitan a esgalla para buscar maneiras alternativas ao neoliberalismo imperante: Outra maneira de vivir é posible. Unha Asemblea dos Movementos Sociais, celebrada o 28 de Setembro de 2012 no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño de Ferrol, onde foi aprobado un Manifesto en apoio á candidatura Alternativa Galega de Esquerda.

Impresionoume o gran número de persoas que tomaron a palabra, para expresar libremente o seu parecer; ase mesmo a obediencia de uns para coas outras, o respecto, pero sobre todo a sensación de que cada unha de nós éramos o importante: non había escenario, non había mesa que presidira nada, non había cargos ou representante públicos, aínda que si había persoas coma nós, que militan nalgunhas asociacións ou partidos. Éramos seres humanos na procura dun Manifesto común.

Tan forte foi o impacto que souben de inmediato que algo novo se estaba a facer, algo que lle devolva o poder ao pobo, algo que faga obedientes ao noso mandato aos que elixamos para que nos representen. Por fin temos unha opción ilusionante.

domingo, 9 de septiembre de 2012

Non á escravitude


Ante as novas destes mesmos días, propostas polos neoliberais que están a apropiarse das nacións, temos que andar con coidado.

A escravitude é esencial para o funcionamento da democracia ateniense, a fin de deixar tempo para a política aos homes libres. Estímase que na época clásica 3/4 da poboación ateniense eran escravos” Esta frase, que pasei a galego, está sacada da Wikipedia en castelán. Pois ben, ás claras nos demostra que a Cospedal, e os seus correlixionarios andan a ler aos clásicos, sen decatarse que estamos a vivir no século XXI, ou máis ben, dándose conta pero agardando que nós non o fagamos e pensemos que vivimos na civilización grega de entón.

Temos que facer a rebelión de novo e saír ás rúas e Rodear os Parlamentos e os Centros de Poder (Bancos) até lograr que os gobernantes dimitan e logremos formar Parlamentos e Gobernos de cidadáns que obedezan aos cidadás.

Mentres tanto, en pé de loita, non imos consentir que nin un só minuto de traballo sexa asoballado; Asociacións de cidadás, Sindicatos de clase, Partidos dos traballadores e público en xeral, temos que negarnos a facer ningún traballo sen contrato e plenos dereitos, así que se queren que os desempregadas traballen un só minuto en calquera tarefa (incluso de axuda social) denantes terán que borralos do paro e facerlles un contrato con Cotizacións e todos os dereitos. En caso de urxencia ou emerxencia, o primeiro sería facer a labor posible, e logo con carácter retroactivo, proceder a legalización plena de ese traballo feito. Nin un paso atrás, nos nosos dereitos.

miércoles, 25 de julio de 2012

Doazón transparente na vez da esmola

¡Quen me ía dicir a min que o electricista do Códice Calixtino sería o que precipitou un invento tan importante coma o do ano 813, xusto fai hoxe 1199 anos.

Eu xa tiña moito camiño andado, e tamén moi debandado no maxín o asunto da esmola. Para que me entendades cóntovos unha historia real: Un día nunha asemblea desas que inventaron os rapaces do 15M, e outros, que se fan nas prazas públicas, apareceu un home con bigote e sombreiro que remarcaba a súa etnia xitana, non falou, tan só sacou o sombreiro, volveuno e con un aceno agarimoso, parábase diante dos que alí estaban; algún botoulle unha moeda, cando chegou a miña fronte (el non sabía que levo mais de tres anos buscando emprego e subsistindo con 426 euros de subsidio) contei e levaba 12 moedas dun euro, a máis doutras pequenas; supuxen que podería acabar a colecta con máis de 20 euros. Na gorxa púxoseme un nó. Se eu fose capaz de gastar do mesmo xeito 10 minutos cada día, tería o mes 1.026 euros para meus gastos, ¡daríame até para unha mariscada, e con viño de reserva. Quedoume zoando a testa e agora coa axuda do electricista vin a luz. ¡Xa o teño. Xa sei coma acabar coa caridade (non quero dicir que non haxa moita xente que precise axuda) falo da esmola, desa moeda que cae na boeta e queda negra, tan negra que nin os bispos saben cantos son os millóns que recollen dos que queren ir o ceo. ¡Dende Ferrol e polo Camiño de Santiago correrá por todo o mundo a boa nova: Doazón Transparente, isto non é caridade, nin esmola, é unha doazón totalmente transparente, é dicir, pódese facer en todo momento un seguimento da cantidade achegada; nunca o que recibe a doazón pode ocultar nada, nin separar parte para outro uso diferente. Penso desenrolar esta idea, se me deixan, dentro do Foro Social de Ferrolterra.